Rodríguez Conde, Iván

Tipo: Profesor Axudante Doutor
Departamento:
Área: Linguaxes e Sistemas Informáticos
Dedicación: Completa
Asignaturas:

Grao en Enxeñaría Informática

Grao en Intelixencia Artificial

Máster Universitario en Intelixencia Artificial

Experiencia docente: Entre 2017 e 2019, iniciei a miña traxectoria docente na Universidade de Vigo como profesor convidado, impartindo diversas materias nos programas de grao e mestrado en Enxeñaría Informática ofertados pola Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (ESEI). Este primeiro contacto coa docencia universitaria marcou o inicio dunha carreira que se consolidou entre 2019 e 2025 no Department of Computer Science da UA Little Rock (EE.UU.), onde acumulei máis de 1.000 horas de experiencia docente. Durante este período, contribuín 2á modernización e renovación do currículo académico, tanto nos programas de grao como de posgrao. Centrei os meus esforzos en áreas clave como a interacción persoa-computadora (HCI), a aprendizaxe automática e as metodoloxías avanzadas de desenvolvemento de software. Entre as miñas principais achegas atópanse a actualización do curso Mobile Apps Development e a creación de catro novos cursos: Machine Learning Fundamentals, Web Stack - Client-Side Technologies, Immersive Technologies e Principles of UI and UX. En paralelo, liderei a expansión do currículo en programación de videoxogos, adaptándoo ás demandas dinámicas da industria. Este proxecto incluíu a reestruturación de cursos existentes como Introduction to Game Programming e Advanced Game Programming, así como o deseño e a implementación de dous programas de certificación en deseño e desenvolvemento de videoxogos. Estas iniciativas enfocáronse en dotar o alumnado de competencias prácticas para o desenvolvemento de aplicacións gráficas interactivas. Dende xaneiro de 2025, tras reincorporarme á Universidade de Vigo e á ESEI como profesor axudante doutor, imparto docencia nos graos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial, así como no mestrado en Intelixencia Artificial. O meu obxectivo actual é integrar un enfoque práctico e aplicado no proceso de ensino, dotando o alumnado de habilidades avanzadas para afrontar os retos do sector tecnolóxico en constante evolución.
Experiencia investigadora: A miña investigación céntrase no desenvolvemento de sistemas de software que integran intelixencia artificial e interacción humano-computadora (HCI), cun enfoque práctico e multidisciplinario. Entre 2009 e 2015, como asistente de investigación e posteriormente investigador junior no laboratorio SI6 (Computer Graphics and Multimedia Group) da Universidade de Vigo, participei en proxectos relacionados con dispositivos multitáctiles portátiles, sistemas gráficos interactivos en 3D e enfoques de gamificación. Estas actividades permitíronme adquirir experiencia na aplicación de HCI en diversos contextos. En 2019, tras incorporarme á University of Arkansas at Little Rock (UA Little Rock), orientei a miña investigación cara ao aprendizaxe profundo (deep learning), estudando as súas aplicacións en áreas como a intelixencia ambiental, a atención médica e a manufactura. Desde entón, traballei no desenvolvemento de solucións baseadas en on-device machine learning, centrándome en técnicas como a detección de obxectos e o recoñecemento de accións humanas para mellorar as capacidades de interacción entre os usuarios e os sistemas informáticos. Durante a miña etapa no Emerging Analytics Center (EAC) da UA Little Rock, desempeñei o rol de Director de Interacción Humano-Computadora, liderando a planificación da infraestrutura de software para proxectos de investigación. Isto permitiu que estudantes de grao e posgrao participasen activamente no deseño e implementación de prototipos vinculados a proxectos financiados externamente, cun enfoque no desenvolvemento de software funcional e ben estruturado. No EAC, liderei proxectos en áreas como a visualización, a informática ubicua e o aprendizaxe profundo, xestionando máis de 3 millóns de dólares en financiamento obtido da National Science Foundation (NSF) e o Department of Homeland Security (DHS). Ademais, colaborei con institucións académicas como a Universidade de Vigo e a University of California, Davis, así como con entidades industriais como Sandia National Labs e Hytrol, contribuíndo ao desenvolvemento de tecnoloxías aplicadas en sectores como a sanidade, a educación e a seguridade.
Experiencia profesional: A miña traxectoria profesional inclúe roles técnicos e de xestión en empresas e como profesional autónomo, cun enfoque no desenvolvemento de software e na experiencia de usuario. Entre 2018 e 2019, traballei en Ancora, unha start-up xurdida como spin-off da Universidade de Vigo, participando no proxecto UBISMART. O meu traballo consistiu no deseño e desenvolvemento dun toolset para interfaces multiplataforma en dispositivos Android, orientadas a sistemas distribuídos. De 2016 a 2018, no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), especialiceime no deseño e desenvolvemento de compoñentes HMI, abranguendo interfaces gráficas, táctiles e de voz, cun enfoque en mellorar a interacción do condutor cos sistemas do vehículo. En 2015, como xefe de desenvolvemento móbil en Redegal S.L., dirixín o departamento de desenvolvemento móbil, liderando proxectos dende a planificación e o deseño ata a implementación, ademais de xestionar a relación cos clientes. Como profesional autónomo, impartín máis de 2.000 horas de formación en tecnoloxías da información e a comunicación en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO), orientadas principalmente á capacitación de persoas desempregadas en Galicia.

Datos de contacto

Despacho: 414
Teléfono: 988368911
Correo electrónico: ivarodriguez@uvigo.gal