O título de Graduado/a en Intelixencia Artificial proporciona a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindible para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan importante nas nosas vidas a todos os niveis.
Trátase dunha titulación interuniversitaria no Sistema Universitario de Galicia, de 4 cursos (240 ECTS), na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo). En 3º e 4º cursos, na Universidade de Vigo desenvolvemos a orientación en Sistemas de Información Intelixentes (SII).
A mención Sistemas de Información Intelixentes do Grao en Intelixencia Artificial da UVigo está orientada a estudantes interesados en adquirir un perfil profesional que lles capacite na explotación automática e segura de fluxos de información, calquera que sexa o seu formato, tipoloxía, dimensión e complexidade. O obxectivo é satisfacer os requirimentos de toda clase de entidades a este nivel, tanto no ámbito da xestión como da toma de decisións, mediante o deseño de solucións centradas na aplicación e integración de estratexias de IA. Trátase por tanto non só de localizar datos xa existentes para o seu procesamiento inmediato nunha estratexia puramente transformacional, senón fundamentalmente de derivar nova información que outorgue unha vantaxe competitiva significativa no dominio de aplicación.
Nesta mención, o futuro graduado adquirirá un perfil que lle capacitará para o deseño, desenvolvemento e aplicación de técnicas e tecnoloxías baseadas en aprendizaxe e razoamento automático, Big Data, procesamiento da linguaxe natural, e interacción e percepción en tempo real para o desenvolvemento de SII.
En definitiva, a formación recibida permitirá ao estudante facer fronte aos novos retos expostos pola Sociedade da Información no que a soporte de decisións estratéxicas, tácticas e operativas se refíre. Terá así a oportunidade de coñecer e explotar algúns dos campos máis novos e de maior potencial na IA, como é o caso do tratamento masivo de datos, as industrias da lingua, a IoT, os sistemas baseados en comportamento ou a ciberseguridad.
Coordinadora: Lourdes Borrajo Diz
Nº prazas novo ingreso para o curso 2025/26: 45
Linguas de impartición: Castelán, galego
Curso de implantación: 2022-2023
Data de publicación no DOG: 23/03/2023 (enlace)
Data de publicación no BOE: 26/04/2023 (enlace)