Estimado/a alumno/a.

Quero darche a benvida, no meu nome e no de todos os que aquí traballamos, á Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo e agradecerche, a tí e á túa familia, a confianza que depositades neste Centro ao escollelo para realizar os teus estudos universitarios. Son consciente de que escoller unha carreira universitaria non é unha tarefa fácil, pois é evidente que esta elección que agora realizas ten consecuencias na túa vida persoal e profesional. Por iso supoño que decidiches estudar esta titulación logo de sopesar e contrastar as múltiples e diferentes alternativas que o Sistema Universitario ten á túa disposición, e que decidiches que este Centro é unha opción que poderá satisfacer as túas expectativas. Estou convencido de que non te decepcionaremos, porque todos os que aquí traballamos (profesorespersoal de administración, técnicos, …) poremos o noso mellor empeño e esforzo en ofrecerche a mellor docencia e os mellores servizos.

O camiño que hoxe comezas non é sinxelo, pero non hai nada realmente bó na vida que sexa sinxelo ou gratis, e ser enxeñeiro informático esixe adicación e esforzo. Só hai unha fórmula que garante o éxito: o traballo continuo e disciplinado dende o primeiro día. Pero iso si, traballo equilibradamente combinado cos imprescindibles momentos de descanso, esmorga e diversión. Ao final da túa etapa universitaria esperan as esixencias sociais e profesionais propias do paso á vida profesional, así que recoméndoche de todo corazón que aproveites día tras día o teu paso pola Universidade. É o momento de coñecer a boa parte dos que serán os teus mellores amigos o resto da túa vida, de facer deporte, de participar como bolseiro nos laboratorios informáticos ou proxectos de investigación, de asistir a conferencias e seminarios, de facer prácticas en empresas, de saír ao estranxeiro aproveitando programas de mobilidade. En definitiva, é o momento de que fagas todas esas cousas que constitúen, xunto ao estudo, a Universidade. É o momento de que fagas e sexas Universidade, para que as túas experiencias destes anos sexan boa parte das mellores lembranzas da túa vida.

Durante o teu primeiro curso terás asignado un profesor-titor ao que poderás acudir para exporlle as dúbidas e problemas que teñas na túa adaptación á Universidade. Recoméndoche que o visites de cando en vez, e que empregues o Plan de Acción Titorial, porque só a través do contacto directo co alumno poderemos identificar e resolver eficazmente os problemas e mellorar continuamente a calidade do noso Centro.

Tes á túa disposición a nosa páxina web (http://esei.uvigo.es) e a da Universidade (https://www.uvigo.gal). Nelas atoparás toda a información que precises. Ademais, tes á túa disposición o persoal de administración, o equipo de Dirección e a Delegación de Estudantes da ESEI, que faremos canto estea na nosa man para axudarche e aclarar todas as dúbidas que teñas.

Con isto remato a miña benvida e estou á túa disposición para resolver calquera dúbida ou problema que se che presente no teu novo Centro.

Unha aperta e disfruta da túa vida de universitario/a.

Francisco Javier Rodríguez Martínez
Director da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Email: franjrm@uvigo.es
Teléfono: +34 988 38 70 02