Na ESEI podes cursar as seguintes titulacións oficiais, vinculadas ao ámbito da Enxeñería Informática:
Grao en Enxeñaría Informática: titulación de grao vinculada ao exercicio da profesión de Enxeñeiro/a Técnico/a en Informática, de 240 ECTS e catro anos adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior. Ten como obxectivo dotar ao estudante dunha formación xeneralista nas principais áreas propias da Informática, e que consta de dúas especialidades: Enxeñaría de Software e Tecnoloxías da Información.
Máis información sobre o Grao en Enxeñaría Informática.
Grao en Intelixencia Artificial: titulación de grao que ten como obxectivo fundamental a formación integral de profesionais en todos os aspectos chave da Intelixencia Artificial: unha sólida formación científica e tecnolóxica nas bases e os modelos da intelixencia artificial, habilidades propias da enxeñaría e coñecementos das tecnoloxías da información e, como trazo distintivo, formación transversal en aspectos sociais, económicos, éticos e xurídicos a considerar en deseño de aplicacións e servizos baseados en intelixencia artificial, todo iso baseado nunha formación baseada en proxectos cunha orientación centrada nas persoas
Máis información sobre o Grao en Intelixencia Artificial.
Simultaneidade (PCEO) Grao en Enxeñaría Informática e Grao en Administración e Dirección de Empresas: Un/unha estudante pode cursar de forma simultánea o Grao en Enxeñaría Informática e o Grao en Administración e Dirección de Empresas seguindo o programa conxunto elaborado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (FCETOU) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI). A formación recibida facultará ao titulado/a para traballar tanto no eido empresarial como no da informática, pero o que é máis relevante, en aqueles postos de traballo no que a combinación das competencias de ámbolos dous campos sexa especialmente necesaria e valorada.
Máis información sobre a Simultaneidade.
PARS Grao e Máster en Enxeñaría Informática: É un programa novo que permite comezar a cursar a titulación de máster sen ter completamente rematado o grao. Concretamente, os/as matriculados/as poderán acceder e matricularse no máster universitario en Enxeñaría Informática aínda que lles reste por superar o TFG e un máximo de tres materias optativas do grao en Enxeñaría Informática.
Máis información sobre o PARS.
Máster Universitario en Enxeñaría Informática: titulación vinculada ao exercicio da profesión de Enxeñeiro en Informática, de 90 ECTS e un curso e medio adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior. Ten como obxectivo dotar ao titulado dunha profunda formación en temas de dirección e xestión da área de tecnoloxías da información, así como sólidos coñecementos en tecnoloxías específicas asociadas a diferentes perfís profesionais deste ámbito. A persoa titulada adquire competencias técnicas, de comunicación e liderado que lle capacitan para pór en marcha o seu propio negocio ou para integrarse en postos directivos da área TIC en empresas e organizacións.
Máis información sobre o Máster Universitario en Enxeñaría Informática.
Máster Universitario en Intelixencia Artificial: titulación de 90 ECTS interuniversitaria no SUG que busca proporcionar unha formación centrada no mundo do desenvolvemento de sistemas intelixentes. Presenta un carácter marcadamente práctico e aplicado, orientado á implementación efectiva de sistemas intelixentes para múltiples aplicacións e nun amplo rango de sectores. Conta con potencial para resultar de interese a múltiples disciplinas e distintos perfís de destinatarios.
Máis información sobre o Máster Universitario en Intelixencia Artificial.