Gran acollida da charla sobre Git no marco do PAT-ANEAE

O pasado 9 de abril ás 18:00 horas tivo lugar, dentro do programa PAT-ANEAE, unha charla formativa centrada no uso de Git para o traballo en equipo. A sesión foi impartida polo profesor Miguel Reboiro Jato, quen ofreceu unha introdución clara ás bases desta ferramenta, explicando os seus comandos máis relevantes e proporcionando consellos prácticos e estratexias para optimizar o seu uso en contornas colaborativas.

O evento resultou ser todo un éxito de participación, enchendo por completo a aula 3.1 do edificio politécnico, o que reflicte o grande interese do alumnado por adquirir competencias relacionadas co desenvolvemento colaborativo de proxectos.

Durante a charla, os asistentes tiveron a oportunidade de afondar nunha ferramenta fundamental no ámbito tecnolóxico actual, así como de resolver dúbidas e coñecer boas prácticas aplicables tanto ao ámbito académico como profesional.

A organización do evento, enmarcado dentro das actividades do PAT-ANEAE, valora moi positivamente a acollida recibida. Ademais, achéganse fotografías da xornada que recollen algúns dos momentos máis destacados da actividade.