O Campus de Ourense está a celebrar ao longo deste mes de novembro unha nova edición da actividade Formación para a innovación: o emprendemento do alumnado universitario, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e o espírito emprendedor entre o estudantado.
Coordinada polo profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, a formación conta co apoio e financiamento do Campus Auga, proxecto de especialización do campus acreditado pola Xunta de Galicia.
A actividade, de balde e recoñecida cun crédito ECTS, desenvólvese nas tardes dos días 5, 12, 19 e 25 de novembro no edificio Campus Auga. Participan 17 estudantes, maioritariamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero tamén dos graos de Turismo e de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.
Durante as sesións, o alumnado aborda diferentes aspectos clave do proceso emprendedor: desde o deseño da idea e do modelo de negocio (a cargo de Javier Rodeiro), ata a viabilidade xurídica e económico-financeira (con Juan Manuel de los Ríos e Francisco Javier Sánchez Sellero), rematando coa promoción e comercialización dos proxectos empresariais (impartida por Vanessa Mª Suárez e María Montserrat Cruz).
Esta actividade forma parte do Venture Lab Campus Auga, un programa que busca crear un ecosistema universitario favorable á innovación e ao emprendemento. Tras a súa primeira edición o pasado ano e a publicación do Plan de Formación de Innovación 2024, esta segunda edición consolida o compromiso do campus coa formación práctica en emprendemento.
Como peche das actividades deste ano, o Venture Lab Campus Auga organizará en decembro unha xornada con emprendedoras e emprendedores convidados, que compartirán co estudantado as súas experiencias e proxectos inspiradores.
A nova completa no DUVI pode lerse aquí.
