Campamento tecnolóxico de verán do 24 ao 28 de xuño na ESEI

A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business organiza este campus tecnolóxico de verán co obxectivo de espertar vocacións tecnolóxicas en rapaces e rapazas nacidos entre 2012 e 2018, para darlles a coñecer o mundo TIC e axudalos a desenvolver habilidades dunha maneira divertida. Ademais, con esta iniciativa tamén se pretende aumentar a porcentaxe de alumnado feminino en estudos relacionados cas TIC, de xeito que o 80% das prazas están reservadas para as rapazas.

A temática desta edición, titulada “Misión nas profundidades”, está relacionada co desenvolvemento de talleres para preparar ás futuras xeracións de mergulladores e mergulladoras. Toda a información está dispoñible aquí.

O campamento, que conta co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, terá lugar do 24 ao 28 de xuño de 2024, entre as 9:00 e as 14:00 horas, na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. O prazo de inscrición rematará cando se esgoten as prazas así que, se vos interesa, bulide a inscribirvos!