A Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB: Women, ICT & Business, creada por ALDABA en colaboración coas universidades da Coruña (UDC) e Vigo (UVigo), lanza a primeira edición dos seus premios ao mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) que, dalgún modo, promova a participación e visibilidade das mulleres no ámbito tecnolóxico.
O obxectivo desta convocatoria é recoñecer e dar visibilidade aos proxectos universitarios que, desde a innovación, a investigación ou a reflexión, contribúan a reducir a fenda de xénero nas TIC.
A quen vai dirixido
Poderán presentarse estudantes de calquera titulación de Grao da Facultade de Informática (FIC) da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da UVigo que defendesen o seu TFG durante o curso 2025-2026, sempre que obtivesen unha cualificación mínima de notable. O premio asignado ao TFG gañador de cada universidade será de 500 €.
Os traballos avaliaranse en dúas fases: unha primeira de valoración documental —na que se terán en conta a contribución do proxecto ao obxectivo da Cátedra, a inclusión da perspectiva de xénero ou o uso de linguaxe inclusiva, entre outros criterios— e unha segunda fase de presentación final ante o xurado, durante o acto de entrega de premios en novembro de 2026. Neste evento, as persoas finalistas defenderán publicamente os seus traballos ante o xurado, formado por representantes de ambas universidades e de ALDABA.
O prazo de presentación de candidaturas estará aberto até o 15 de outubro de 2026 ás 23:59 horas, e a documentación deberá enviarse a premios@wib.aldaba.es co asunto “I Premios TFG Cátedra ALDABA-WIB 2026”. As bases poden consultarse aquí.
Sobre a Cátedra ALDABA-WIB
Constituída en 2019, a Cátedra ALDABA-WIB: Women, ICT & Business promove a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario e humano.
Entre as súas liñas de actuación atópanse o fomento do talento feminino nas TIC e o apoio a estudantes co fin de facilitar a súa incorporación ao mundo laboral.
