A olimpíada informática galega 2024 foi organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades do sistema público da comunidade, e co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Este ano celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática o sábado 3 de febreiro pola mañá.
Os 26 participantes pertencían a quince centros educativos de distintos puntos da xeografía galega: catro en A Coruña, dous en Vigo, un en Ribeira, un en Ames, cinco en Santiago, dous en Brión, un en Negreira, un en Narón, dous en O Barco de Valdeorras, un en Teo, un en Burela, outro en Ferrol, un en O Porriño, un en Vedra e outro en Allariz.
A clasificación final da olimpíada informática galega deixou a Pedro Rey Anca en primeiro lugar e a Hugo Domínguez en segundo. Como premio obteñen o dereito a participar na proba nacional, ao cal hai que sumar un premio de 400 e 300 euros, respectivamente.
A vixésimo oitava olimpíada informática española, na que Pedro Rey Anca e Hugo Domínguez Conde representarán a Galicia, celebrarase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. Os alumnos máis brillantes que resulten gañadores nesa proba a nivel nacional poderán participar na 36ª edición da olimpíada internacional de informática, unha cita cos mellores talentos a nivel mundial que terá lugar en Exipto en setembro deste mesmo ano.
Parabéns aos gañadores e a tod@s @s participantes nesta edición!