O martes 17 de xaneiro abríronse as portas do Campus de Ourense a 400 estudantes de bacharelato de sete centros educativos.
A visita dedicada ao estudantado do itinerario de ciencias conduciunos polas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría. Durante a visita, puideron explorar e coñecer non só as aulas e laboratorios, senón tamén os museos vinculados a cada facultade. O estudantado foi guiado por membros dos equipos decanais e directivos, quenes proporcionaron explicacións sobre as titulacións ofrecidas e as actividades desenvolvidas nestes lugares.
Durante a visita á ESEI, puideron coñecer, da man do noso compañeiro o profesor Pedro Cuesta Morales, as dúas titulacións de grao que se imparten actualmente: o Grao en Enxeñaría Informática e o Grao en Intelixencia Artificial.
Ao percorrer o campus de Ourense, tamén tiveron a ocasión de coñecer outras instalacións importantes de cara a súa futura vida universitaria, como son as áreas deportivas e a biblioteca, ademais das distintas zonas verdes. A gran demanda para participar nestas xornadas, que contaban cun límite de 400 prazas, indica o seu éxito, e está planeado repetilas en varios días a mediados de marzo para dar máis oportunidades a todo o alumnado interesado en participar.