Concurso Universitario de Programación AdaByron

AdaByron é un concurso universitario de programación promovido por distintas universidades españolas. É un concurso en dous niveis: os rexionais que cobren unha ou varias provincias/comunidades autónomas e o concurso nacional para os mellores clasificados de cada rexional.

A ESEI participa no concurso rexional on-line, que terá lugar o vindeiro 13 de marzo de 2020, de 16:00 a 20:00 horas. Nesta VI edición esta é a lista de sedes.

O concurso online serve de clasificatorio para o concurso nacional que se celebrará na Universidade Complutense de Madrid os días 17 e 18 de abril de 2020.

Un dos obxectivos do concurso é incentivar a participación dos estudantes de informática no concurso internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest). Para dar a coñecer este tipo de concursos a todos os estudantes (ata aos recentemente chegados a primeiro), AdaByron terá problemas de todos os niveis, de modo que todos os participantes poidan pasar un intre entretido enfrontándose a problemas asequibles para os seus coñecementos (problemas de edicións anteriores).

Información do regulamento e do desenvolvemento do concurso.

Normas de Inscrición:

  1. Aberto exclusivamente a estudantes de Grao e Máster en Enxeñaría Informática da ESEI.
  2. A inscrición realizarase por equipos. Un equipo estará formado por tres estudantes. Poderase dar o nome de ata dous suplentes. Os equipos poderán ter, ademais, un profesor/adestrador asociado.
  3. Os suplentes non poderán ser, á súa vez, titulares doutro equipo, pero si poderán aparecer de suplentes en máis dun equipo.
  4. No caso de que trala inscrición algún estudante titular non poida finalmente participar, só poderá ser substituído por un dos suplentes inscritos no equipo.
  5. Os equipos serán colocados na categoría que lles corresponda en base á asignatura máis alta na que estean matriculados os seus compoñentes (tanto titulares como suplentes).
  6. A organización resérvase o dereito de limitar a catro o número de equipos por sede se admitir a máis pode pór en perigo a estabilidade do sistema que controla o concurso.
  7. Cada universidade xestionará a admisión dos seus equipos da forma que considere oportuno. Dependendo da cantidade de alumnos interesados poderá utilizar unha estratexia FIFO, sorteo, seguir un criterio de cota por cursos ou mesmo expor unha competición local previa.

Importante: Formulario de inscrición

O prazo de inscrición finaliza o martes 10 de marzo.

Estes son os equipos inscritos ata o momento.