Oficina de Relacións Internacionais
A Oficina de Relacións Internacionais (ORI) centraliza, coordina e xestiona as actividades de cooperación internacional no seo da Universidade de Vigo, e leva a cabo, entre outras, as seguintes actividades:
- Informa e asesora a comunidade universitaria sobre os diferentes programas internacionais no ámbito da educación superior.
- Fomenta e xestiona a mobilidade de alumnado e profesorado propios e estranxeiros, en especial no marco dos programas Sócrates, ISEP, Bolsas MAE e programas de cooperación da Universidade de Vigo.
Con respecto aos estudantes da Universidade de Vigo proporciona asesoramento aos candidatos/as seleccionados con estes programas sobre a documentación que deben presentar, e información sobre a contía das bolsas e posibles axudas complementarias, así como sobre as xestións que teñen que realizar coas universidades de destino.
Con respecto ao profesorado da Universidade de Vigo, a ORI facilita información sobre os programas de intercambio de docencia e programas de cooperación internacional.
En canto aos estudantes estranxeiros, xestiona a aceptación dos que participan nun programa de intercambio, elabora a Guía do estudante estranxeiro e envía os paquetes informativos sobre a Universidade de Vigo, con información sobre os diferentes campus e cidades, recepción, visados, viaxe, busca de aloxamento, matrícula e posibilidades de estudos, en colaboración cos responsables de relacións internacionais.
Tamén se encarga de elaborar e negociar acordos de cooperación internacional, así como de asegurar a presenza da Universidade de Vigo en foros e encontros de educación internacionais.