O pasado luns 26 de xuño deu comezo na Escola Superior de Enxeñaría Informática, ao mesmo tempo que na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, o campamento de verán Aldaba-TIC Camp, destinado a fomentar as vocacións STEM e avanzar cara acadar a igualdade de xénero neste eido. Ata 36 nenas e nenos de 6 a 12 anos participan nestes campamentos, dos cales o 80% son mulleres.
Primera jornada de nuestro Aldaba-TIC Camp ‘Misión a Marte’ superada! Nuestr@s jóvenes astronautas recibieron un mensaje de ánimo de @Astro_SaraG antes de empezar la misión! 🚀 @CSocialUDC @FIC_UDC @eseiuvigo pic.twitter.com/1AQn1Tf6f0
— Catedra-Aldaba-WIB (@CatedraW) June 26, 2023
A temática desta edición, titulada “Misión a Marte”, está relacionada co desenvolvemento de talleres para preparar ás futuras xeracións de cosmonautas. O campamento terá lugar do 26 ao 30 de xuño de 2023, entre as 9:00 e as 14:00 horas, na Escola Superior de Enxeñaría Informática e conta con monitores da PlayCodeAcademy e a participación das investigadoras Patricia Concheiro e Carmen Miranda, da UDC, e das nosas compañeiras Lorena Otero e María Encarnación González. Os obradoiros, adaptados por idade, inclúen adestrar drones, programar aplicacións e robots, ademais de fabricar un foguete e ferramentas 3D, utilizando Lego, Arduino, Scratch, impresoras 3D e kits de robótica.
O obxectivo do campamento é espertar o interese pola tecnoloxía nos participantes, mostrar a súa utilidade e combater a baixa presenza feminina nas carreiras TIC, especialmente na enxeñaría informática. Destácase a perda de talento e a falta de visión feminina na construción da tecnoloxía do futuro. Estudos mostran que as crianzas teñen un interese semellante pola tecnoloxía e as matemáticas ata os 6-8 anos, pero a partir dese punto, as nenas perden o interese e senten menos capacidade en matemáticas e tecnoloxía, aínda que os resultados académicos sexan iguais para nenos e nenas.
En palabras da nosa compañeira a profesora Alma María Gómez, que é codirectora desta cátedra xunto a Virginia Mato (UDC): «O campamento Aldaba-TIC Camp responde a un dos obxectivos principais da Cátedra Aldaba que é lograr unha maior integración das mulleres na informática, un campo moi deficitario neste senso, por iso nel teñen preferencia as nenas, que ocupan un 80% das prazas. Non queriamos facer un campamento só de rapazas pero si que queriamos contribuír a que as nenas, que a medida que teñen máis idade se afastan da tecnoloxía, a vexan como algo positivo, que a coñezan e que polo tanto máis adiante se poidan propor estudar esta carreira».