Aberto o prazo de inscricións para o AdaByron Galicia

AdaByron Galicia celebrarase nos tres centros do Sistema Universitario Galego que imparten Graos en Enxeñaría Informática (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVIGO) o 12 de abril de 2024 pola tarde. Os mellores clasificados poderán participar no concurso nacional que se celebrará en xullo de 2024.

AdaByron é un concurso universitario que nace na Comunidade de Madrid e que dende o ano 2022 abriuse a outras Universidades españolas nunha competición na que se miden as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios.

Un dos obxectivos do concurso é incentivar a participación dos estudantes de informática no concurso internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest). Para dar a coñecer este tipo de concursos a todos os estudantes (incluso aos recen chegados a primeiro), AdaByron terá problemas de todos os niveis, de modo que todos os participantes poidan pasar un rato entretido enfrontándose a problemas accesibles para os seus coñecementos.

O prazo de inscrición está aberto ata o venres 5 de abril ás 23:59h nesta ligazón.