Xornadas de formación da RITSI

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolleu as xornadas de formación da RITSI (Reunión de Estudiantes de Ingenierías Técnicas y Superiores en Informática) que se desenvolveron entre o 1 e o 3 de febreiro.

A RITSI é unha asociación a nivel estatal, fundada no ano 1992, que ten como obxectivo coordinar e representar a todo o estudantado de Enxeñarías en Informática a través das súas delegacións ou consellos. Representa a 36 universidades e a unhas 60000 persoas.

O acto de inauguración das xornadas, celebrado o xoves día 1 no Salón Marie Curie, contou coa presenza de Manuel Reigosa Roger, Rector da Universidad de Vigo, Arno Formella, director da ESEI, Francisco José Anillo Carrasco, presidente da RITSI, Luis Cabeza González, fundador e primeiro presidente RITSI, e Cristina Lavadores Pedrosa, a encargada da organización das xornadas na ESEI.

Entre outros, a RITSI ten como obxectivo loitar pola equiparación das profesións de Enxeñeiro en Informática e Enxeñeiro Técnico en Informática co resto de enxeñarías, representar, no ámbito estatal e a todos os niveis, ás e aos estudantes de Enxeñarías en Informática e defender os seus dereitos e intereses.

Durante estas xornadas falouse da historia da RITSI, houbo charlas relacionadas coa representación estudantil, cos estudos, coa profesión, ou co liderado e xestión de equipos.