O 13 de outubro terá lugar a visita da ACSUG para a renovación da acreditación da Escola

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) mantén un firme compromiso coa mellora continua e co aseguramento da calidade en todas as súas titulacións e no seu funcionamento interno. Froito deste esforzo, desde xaneiro de 2018, a ESEI conta coa Acreditación Institucional outorgada polo Consello de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Este recoñecemento reflicte a capacidade da nosa Escola para garantir a excelencia académica en toda a súa oferta formativa.

Agora, tras seis anos desde a concesión da Acreditación Institucional, chegou o momento de solicitar a súa renovación. Neste contexto, ao longo do día 13 de outubro, un panel de expertos designado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) visitará a nosa Escola. O obxectivo desta visita é completar a información xa analizada polo panel de expertos (información pública e autoinforme elaborado pola ESEI) coas opinións dos diferentes colectivos que forman parte da vida da Escola. Estas entrevistas permitirán ao panel contextualizar a información e coñecer de primeira man a nosa realidade.

En particular, ás 15:45h celebrarase unha sesión de AUDIENCIA PÚBLICA (Seminario 40) na que aquelas persoas que o teñan solicitado previamente poderán trasladar ao panel as súas impresións e experiencias relacionadas coa ESEI.