Hoxe, domingo 18 de setembro, dentro do evento Mobile Week 2022, tivo lugar na ESEI o Familiy Day, unha xornada con actividades pensadas para o público infantil e as súas familias. Nenas e nenos de 7 a 12 anos participaron na Hora do Código, onde se achegaron dun xeito lúdico e didáctico ao mundo do deseño e impresión 3D, á programación en Minecraft e a retos robóticos. Tamén participaron nun Taller onde construíron o seu propio visor de hologramas con forma de pirámide e o utilizaron para visualizar vídeos en 3D.
Paralelamente, houbo actividades para pais e nais, e educadoras e educadores, destacando á presentación do estudo Impacto da tecnoloxía na adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, de Unicef España, feito con adolescentes de entre 11 e 18 anos, e presentado por Belén Andrade, especialista en dereitos dixitais da infancia e campañas de sensibilización. Tamén houbo outras interesantes charlas sobre temas de interese como o uso educativo dos videoxogos, a adicción e os videoxogos, ou como educar aos nos@s fill@s contra as fake news.