O pasado 17 de setembro de 2025, entre as 17.00 e as 20.00 horas, celebrouse no Salón de Graos da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense a xornada “Emprendendo no Campus”, unha iniciativa enmarcada no Venture Lab Campus Auga. O encontro quixo poñer en valor o talento universitario e achegar inspiración, formación e experiencias arredor do emprendemento.

Na apertura, os coordinadores do programa, Javier Rodeiro Iglesias e María Montserrat Cruz González, lembraron que “emprender significa transformar ideas en realidades”. Destacaron tamén que o Campus de Ourense é un espazo privilexiado para xerar proxectos innovadores e que, con creatividade, esforzo e visión, é posible converter un reto nunha oportunidade.

O programa incluíu unha presentación de proxectos emprendedores protagonizada por estudantes que xa deron pasos firmes no ámbito do emprendemento universitario:
- David Rodríguez, Sara Somoza e David Fernández, co proxecto turisTEApp, gañador do segundo premio en INSPIRO2025.
- María Sánchez, con BLOANTIA, recoñecido co primeiro premio de sustentabilidade e desenvolvemento rural na Creative Jam de Vedra (Cámara de Comercio de Santiago de Compostela).
- Sara Chao, que presentou Certychain, galardoado con diferentes premios, entre eles o Santander Explorer 2023 e o primeiro premio en NodeHub 2024.
- Luca Riego e Pablo Dorrio, impulsores de SIZIT, proxecto distinguido en convocatorias como Santander X Proyectos Emprendedores e Academia de ViaGalicia (Startups).
- Manuel Alonso e Rubén Fernández, co proxecto Soil4Good, segundo premio en Hack For Good da Cátedra Telefónica celebrada en Vigo en 2024.

A continuación desenvolveuse unha mesa redonda aberta que deu paso á presentación do profesorado implicado na formación en emprendemento. A tarde rematou cun petisco de confraternización, no que se entregaron os certificados de asistencia.
Un encontro, en definitiva, no que as experiencias compartidas serviron de inspiración e punto de partida para seguir facendo medrar o ecosistema emprendedor no Campus de Ourense.
