Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro

O Nodo CIBER.gal organiza, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, a xornada «Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro», o vindeiro martes 13 de xuño.

CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer un entorno dixital seguro en Galicia e enfrontar os desafíos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.

A xornada, que terá lugar na ESEI, ten como obxectivo achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlles as oportunidades reais que supón especializarse neste ámbito e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, ou os docentes da escola Miguel Díaz-Cacho Medina e José Ramón Méndez Reboredo, entre outros.

Totalmente gratuíta, as persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade en liña ou presencial en todas as actividades do programa desde esta ligazón. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvo e previr ciberataques ou roubo de datos, obradoiros prácticos para despertar o interese pola ciberseguridade e tamén a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.