GL
 
ESEI
Universidade de Vigo

 

Obxectivos

De acordo co establecido no Libro Branco e o acordo do plenario da Conferencia de Directores e Decanos de Informática CODDI (Zaragoza, setembro de 2007), o título de Graduado en Enxeñaría Informática ten como obxectivo fundamental

"a formación científica, tecnolóxica e socioeconómica, e a preparación para o exercicio profesional no desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) no ámbito da Informática."

Ademais, tal como se indica no artigo 3.5 do RD 1393/2007, entre os principios xerais que inspiraron o deseño do título, tívose en conta que calquera actividade profesional debe realizarse:

a) dende o respecto aos dereitos fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, debendo incluírse, nos plans de estudos en que proceda, ensinos relacionados cos devanditos dereitos.

b) dende o respecto e promoción dos Dereitos Humanos e os principios de accesibilidade universal e deseño para todos de conformidade co disposto na disposición final décima da Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, debendo incluírse, nos plans de estudos en que proceda, ensinos relacionados cos devanditos dereitos e principios.

c) de acordo cos valores propios dunha cultura de paz e de valores democráticos, e debendo incluírse, nos plans de estudos en que proceda, ensinos relacionados cos devanditos valores.Estes principios vense especialmente reflectidos á hora de definir as competencias do título.

O marco académico aprobado polo Consello de Universidades relativo á ordenación dos ensinos universitarios oficiais vinculadas ao exercicio da profesión de Enxeñeiro/a Técnico/a en Informática estableceu que a formación do título de Graduado en Enxeñaría Informática permite ao egresado adquirir, en distintos niveis de profundización, as seguintes capacidades, competencias e destrezas xerais:

1. Concibir, redactar, organizar, planificar, desenvolver e asinar proxectos no ámbito da enxeñaría en informática que teñan por obxecto, de acordo cos coñecementos adquiridos, a concepción, o desenvolvemento ou a explotación de sistemas, servizos e aplicacións informáticas.

2. Dirixir as actividades obxecto dos proxectos do ámbito da informática.

3. Deseñar, desenvolver, avaliar e asegurar a accesibilidade, ergonomía, usabilidade e seguridade dos sistemas, servizos e aplicacións informáticas, así como da información que xestionan.

4. Definir, avaliar e seleccionar plataformas hardware e software para o desenvolvemento e a execución de sistemas, servizos e aplicacións informáticas.

5. Concebir, desenvolver e manter sistemas, servizos e aplicacións informáticas empregando os métodos da enxeñaría do software como instrumento para o aseguramento da súa calidade.

6. Concibir e desenvolver sistemas ou arquitecturas informáticas centralizadas ou distribuídas integrando hardware, software e redes.

7. Coñecer, comprender e aplicar a lexislación necesaria durante o desenvolvemento da profesión de Enxeñeiro Técnico en Informática e manexar especificacións, regulamentos e normas de obrigado cumprimento.

8. Coñecer as materias básicas e tecnoloxías, que capaciten para a aprendizaxe e desenvolvemento de novos métodos e tecnoloxías, así como as que os doten dunha gran versatilidade para adaptarse a novas situacións.

9. Resolver problemas con iniciativa, toma de decisións, autonomía e creatividade. Saber comunicar e transmitir os coñecementos, habilidades e destrezas da profesión de Enxeñeiro Técnico en Informática.

10. Realizar medicións, cálculos, valoracións, tasacións, peritacións, estudos, informes, planificación de tarefas e outros traballos análogos de informática.

11. Analizar e valorar o impacto social e ambiental das solucións técnicas, comprendendo a responsabilidade ética e profesional da actividade do Enxeñeiro Técnico en Informática.

12. Coñecer e aplicar elementos básicos de economía e de xestión de recursos humanos, organización e planificación de proxectos, así como a lexislación, regulación e normalización no ámbito dos proxectos informáticos.

 

 

 

 

 

Escuela Superior de Ingeniería Informática
Campus de Ourense - Edificio Politécnico - 32004 OURENSE
Tel: +34 988 387 000
info@esei.uvigo.es